Benvidos e benvidas ao blog da Zona Moza do Concello de Culleredo





25 may 2010

CONCURSO DE IDEAS PARA APOIAR AOS MOZOS EMPRENDEDORES DE GALICIA E PORTUGAL DOTADO CON 20.000 EUROS

Xuventude porá en marcha nas próximas semanas tres iniciativas novidosas na Administración autonómica para apoiar aos mozos e mozas emprendedores de Galicia e o Norte de Portugal. Estes proxectos forman parte do plan Un espazo novo na axenda de Lisboa (Espazo Xuvenil), que se aprobou ao abeiro do Plan de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013. Na actualidade, trátase dunha iniciativa que lideran a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o Instituto Portugués da Juventude.
En primeiro lugar, o Goberno galego convocará nuns días un concurso de ideas transfronteirizo que ten por obxectivo a creación e posta en marcha de novas empresas para incentivar novos filóns e novos empregos nas zonas emprazadas entre Galicia e o Norte de Portugal.
A contía dos premios é dun total de 20.000 euros. Así, o primeiro galardón estará dotado con 10.000 euros, o segundo con 6.000 e o terceiro con 4.000. No certame poderán participar os mozos e mozas que teñan entre 18 e 30 anos e residan nos territorios ubicados en Galicia e o Norte de Portugal.
Todos os proxectos que se presenten ao concurso deberán ser viables técnica e financeiramente e, ademais, deberán estar deseñados para desenvolverse no ámbito xeográfico de Galicia e Norte de Portugal.
A guía de axudas
Así mesmo, terán que estar relacionados coa cultura, o turismo, o tempo libre, a animación sociocultural e o medio ambiente e Terán que ser necesariamente ideas propostas por un equipo integrado polo menos por un membro establecido na zona galega e outro no territorio portugués. Só se admitirá un proxecto empresarial por equipo e persoa.
En segundo lugar, Rodeiro presentou a ‘Guía de axudas e programas da Unión Europea para mozos emprendedores’que inclúe información "sinxela e sintética" sobre a amplía variedade de programas que Europa ofrece á mocidade.
O director xeral destacou que o libro elaborouse coa colaboración da Fundación Galicia Europa e remarcou que "o libro ten que ser entendido como unha síntese de contidos de rápida accesibilidade, máis non estaría completa sen as múltiples referencias a páxinas web que permiten complementar os datos da publicación".
A guía, en definitiva, o que pretende é facilitar un acceso máis fácil aos programas e axudas de apoio que as administracións pon a disposición da mocidade, sobre todo, nestes tempos de crise.
"Con esta publicación queremos e desexamos proporcionar un valor engadido que, sen dúbida, axudará á creación de novas empresas ou a apoiar actividades, como a participación en redes rendibles, a busca de produtos máis competitivos e a mellora do acceso á innovación e a cooperación transfronteiriza como impulso esencial para as empresas e os novos emprendedores", sinalou Rodeiro.
Prácticas en empresas
Para remarcar a aposta que a Xunta de Galicia está a facer pola mocidade nestes tempos de crise, Rodeiro engadiu que en terceiro lugar, o departamento que dirixe dará a oportunidade de realizar prácticas en diversas entidades aos mozos e mozas que se formaron o ano pasado a través deste proxecto.
En concreto, un total de dez mozos poderán resolver as dúbidas que teñan á hora de poñer en marcha a súa idea empresarial en diversas entidades a través dun asesoramento personalizado.

Máis información: http://www.xuventude.net/web/xuventude/inicio

No hay comentarios:

Publicar un comentario